Cinema galego para transitar a invernía


Estamos na cerna do inverno e da pandemia, mais por sorte aínda nos queda a palabra (e a imaxe). Dende o Departamento de Galego convidámosvos a explorar a Biblioteca da EOI e buscar material audiovisual na nosa lingua. Deixámosvos cinco propostas (das moitas posibles), auténticas bombas de calor para combater estes tempos de friaxe!

-As Encrobas, a ceo aberto. En 1977, unha pequena parroquia de Cerceda protagonizou a última grande revolta agraria do século XX. A imaxe das mulleres defendendo as súas terras con paraugas fronte a centos de gardas civís chegaron aos rotativos de toda Europa. En 2007, Xosé Bocixa (un neno desa mesma parroquia cando sucederon os feitos) gravou un fermosísimo documental coa voz dos protagonistas. 

-A lingua das bolboretas. En 1995 Manuel Rivas sorprendeu dentro e fóra das nosas fronteiras co libro de relatos Que me queres, amor? Catro anos despois o célebre cineasta José Luis Cuerda levaría á grande pantalla un dos contos: "A lingua das bolboretas". O filme, protagonizado por Fernán Gómez, Manuel Lozano e Uxía Blanco, é xa un clásico indispensable do noso cinema.

-A Esmorga.  Eduardo Blanco Amor publicou en 1959 (en Bos Aires) unha obra que moitos consideran unha das mellores novelas galegas do século XX. En 2014 o cineasta Ignacio Vilar levou este traballo aos cines. Cómpre subliñar os grandes traballos dos tres actores protagonistas: Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán (Morris)

-O club da calceta. Baseada nunha coñecida novela de María Reimóndez (2006), Antón Dobao adaptouy esta obra ao cinema tres anos despois. A película conta a  historia dun grupo de mulleres moi distintas, pertencentes a diferentes clases sociais que se reúnen semanalmente para practicar a calceta, unhas horas que aproveitan tamén para compartiren os seus problemas e preocupacións e loitar contra unha sociedade machista e clasista.

-Pradolongo. Dirixida por Ignacio Vilar e estreada en 2008, Pradolongo é unha película que reflexiona sobre o amor, o paso dos anos, a amizade e as diferenzas de clase. Ao valor innegable do traballo hai que sumarlle uns escenarios naturais marabillosos (boa parte da rodaxe fíxose na comarca de Valdeorras).



 

Comentarios